mércores, 24 de febreiro de 2016

Emenda á totalidade presentada por Abrente. XV Asemblea Nacional do BNG

Achegamos o texto da emenda á totalidade ao relatorio do Consello Nacional para a XV Asemblea Nacional do BNG.

Esta emenda, clara e concreta, é unha oportunidade para o nacionalismo no seu conxunto. Un reinicio.

Senta as bases para que o BNG se incorpore a un proxecto maioritario e útil para os galegos e galegas, sexa agora ou máis adiante.

Abrente acordou tamén apoiar os Votos Particulares en canto dan osíxeno a un relatorio oficial decepcionante e iñorante do momento que vivimos.

O nacionalismo ten que unirse, contribuír de forma decisiva a expulsar do poder ao PP e alcanzar o goberno para defender os nosos sectores produtivos, a nosa cultura, loitar contra o precariado, buscar a igualdade das persoas e o noso futuro como nación.

TEXTO DA EMENDA:



Emenda á totalidade do Relatorio aprobado polo CN para a XV AN do BNG


  1. Unha situación extraordinaria
Debemos asumir que o BNG atravesa unha situación de emerxencia. As últimas eleccións xerais puxeron fin a vinte anos de presenza do BNG no Parlamento español. De se repetiren nas próximas eleccións galegas estes resultados (o 4,3% do voto válido), o BNG ficará tamén sen representación no Parlamento galego.
En van agardamos que a dirección do BNG realizase algunha autocrítica ou asumise a súa responsabilidade por estes desastrosos resultados facendo o que, nun sistema democrático, cabe esperar de quen non é capaz de lograr os obxectivos propostos: a demisión. Mais isto non é o máis grave: o realmente preocupante é que a dirección do BNG semella incapaz de oferecer unha análise política minimamente seria ou, cando menos, de dar algunha explicación que non sexa botar a culpa aos votantes, a outras forzas políticas ou a un sistema mediático pouco afín ao nacionalismo.
Procúranse fóra as responsabilidades que non se queren asumir dentro para evitar que trascenda aquilo que para moitos militantes e simpatizantes xa resulta evidente: a situación do BNG é consecuencia tamén, en boa medida, dunha liña política e dunhas decisións políticas determinadas. É por iso que o debate principal nesta asemblea debe xirar arredor de se hai ou non vontade de corrixir esa liña política e, de se facer, afrontar con valentía as mudanzas necesarias.
É por iso que propomos que esta AN se celebre como extraordinaria, de forma que non se escolla portavoz nacional e que, en vez de executiva e de consello nacional, se designe unha xestora provisoria á que se lle encomende levar á práctica as decisións que a AN adopte en dous planos:
  • No electoral, iniciando de imediato as xestións conducentes á confluencia electoral co espazo de “En Marea”, isto é, á constitución dunha candidatura unitaria de esquerdas e nacionalista para as próximas eleccións galegas.
  • No político-estratéxico, dando os primeiros pasos para a refundación do nacionalismo de esquerda na Galiza, a comezar polo non recoñecemento de colectivos e partidos no seo do BNG (recomendando a quen neles2 milite que procedan a os disolver) e, moi especialmente, a superación dunha estrutura frentista que asume como natural a existencia de partidos-guía ou de vangardas organizadas.
De se aprobar esta emenda, a xestora será elixida pola AN da forma prevista no regulamento para a elección do CN.
  1. O urxente: a confluencia electoral
Non se trata de mirar polo BNG. Trátase de mirar polo país e de responder ao que moitos nacionalistas nos están a demandar: que poñamos o noso grao de area na construción dunha maioría nacionalista e de esquerda no Parlamento de Galiza, expulsando do goberno ao PP. Por iso é urxente confluirmos xunto con outras forzas nunha candidatura unitaria nas próximas eleccións galegas.
Sabemos que hai contradicións entre os diferentes proxectos presentes no seo de “En Marea”. A principal: a que existe entre un proxecto centrado no país, representado por Anova e a maioría das “mareas” municipais, e outro deseñado en clave española. Porén, se fomos capaces de conviver no seo do BNG durante 34 anos, non seremos quen de acordarmos un programa de mínimos para as próximas eleccións galegas? Se actualmente gobernamos co PSOE tres das catro Deputacións provinciais sen conflitos aparentes, acaso non seremos quen de partillar o goberno galego con forzas coas que, a priori, as diferenzas son ben menores?
En consecuencia, a xestora do BNG debe iniciar de imediato conversas con En Marea e cos partidos e organizacións que dela fan parte con vistas a confluír nunha candidatura unitaria nas próximas eleccións galegas.
Con todo, e para evitar que confluencia volva fracasar, cumpre oferecer e esixir probas de boa-fe. Cumpre, en concreto, abrir unha nova xeira de cooperación entre o BNG e o espazo das Mareas nas institucións onde un e outras partillamos representación: nos gobernos municipais, nos gobernos provinciais e no Parlamento galego. Só deste modo, demostrando na práctica diaria que o traballo conxunto é posíbel, poderase construír unha confluencia real a través dunha candidatura conxunta.
  1. O imprescindíbel: a refundación do nacionalismo de esquerda
Non debemos confundir os meios cos fins. Desde hai máis de cento e cincuenta anos moitas xeracións de galegos e galegas traballaron (traballamos) para construír unha Galiza soberana, próspera e xusta. Eses seguen a ser os nosos fins en 2016. Mais non sempre empregaron as mesmas ferramentas políticas, conscientes de que as organizacións son iso: medios. Nen máis nen menos. Por valiosos que nalgún momento foran, os modelos organizativos – partidos, frentes, coaligacións – teñen os seus propios ciclos vitais. Cumpre recoñecelo sen por iso rachar coa continuidade histórica do proxecto nacionalista.
Do mesmo xeito que os mozos e mozas que nos anos sesenta do século pasado refundaron o nacionalismo galego non optaron por reviver o Partido Galeguista da II República (sen por iso renegaren da súa herdanza), hoxe debemos recoñecer que o ciclo político do BNG rematou e, con el, o das organizacións (Abrente, UPG, MGS) que del fan parte. Que os novos tempos reclaman de nós novas fórmulas políticas, sen por iso renegarmos do legado do BNG.
En consecuencia, a xestora do BNG iniciará de imediato contactos con todas as organizacións (políticas, sociais, sindicais) e persoas individuais que se reclamen nacionalistas con vistas a construír unha nova organización política unitaria e democrática para o nacionalismo de esquerda.










Ningún comentario:

Publicar un comentario