Achegamos o texto da emenda á totalidade ao relatorio do Consello Nacional para a XV Asemblea Nacional do BNG.
Esta emenda, clara e concreta, é unha oportunidade para o nacionalismo no seu conxunto. Un reinicio.
Senta as bases para que o BNG se incorpore a un proxecto maioritario e útil para os galegos e galegas, sexa agora ou máis adiante.
Abrente acordou tamén apoiar os Votos Particulares en canto dan osíxeno a un relatorio oficial decepcionante e iñorante do momento que vivimos.
O nacionalismo ten que unirse, contribuír de forma decisiva a expulsar do poder ao PP e alcanzar o goberno para defender os nosos sectores produtivos, a nosa cultura, loitar contra o precariado, buscar a igualdade das persoas e o noso futuro como nación.
Emenda á totalidade do
Relatorio aprobado polo CN para a XV AN do BNG
- Unha situación extraordinaria
Debemos asumir que o BNG
atravesa unha situación de emerxencia. As últimas eleccións xerais
puxeron fin a vinte anos de presenza do BNG no Parlamento español.
De se repetiren nas próximas eleccións galegas estes resultados (o
4,3% do voto válido), o BNG ficará tamén sen representación no
Parlamento galego.
En van agardamos que a
dirección do BNG realizase algunha autocrítica ou asumise a súa
responsabilidade por estes desastrosos resultados facendo o que, nun
sistema democrático, cabe esperar de quen non é capaz de lograr os
obxectivos propostos: a demisión. Mais isto non é o máis grave: o
realmente preocupante é que a dirección do BNG semella incapaz de
oferecer unha análise política minimamente seria ou, cando menos,
de dar algunha explicación que non sexa botar a culpa aos votantes,
a outras forzas políticas ou a un sistema mediático pouco afín ao
nacionalismo.
Procúranse fóra as
responsabilidades que non se queren asumir dentro para evitar que
trascenda aquilo que para moitos militantes e simpatizantes xa
resulta evidente: a situación do BNG é consecuencia tamén, en boa
medida, dunha liña política e dunhas decisións políticas
determinadas. É por iso que o debate principal nesta asemblea debe
xirar arredor de se hai ou non vontade de corrixir esa liña política
e, de se facer, afrontar con valentía as mudanzas necesarias.
É por iso que propomos que
esta AN se celebre como extraordinaria, de forma que non se escolla
portavoz nacional e que, en vez de executiva e de consello nacional,
se designe unha xestora provisoria á que se lle encomende levar á
práctica as decisións que a AN adopte en dous planos:
- No electoral, iniciando de imediato as xestións conducentes á confluencia electoral co espazo de “En Marea”, isto é, á constitución dunha candidatura unitaria de esquerdas e nacionalista para as próximas eleccións galegas.
- No político-estratéxico, dando os primeiros pasos para a refundación do nacionalismo de esquerda na Galiza, a comezar polo non recoñecemento de colectivos e partidos no seo do BNG (recomendando a quen neles2 milite que procedan a os disolver) e, moi especialmente, a superación dunha estrutura frentista que asume como natural a existencia de partidos-guía ou de vangardas organizadas.
De se aprobar esta emenda, a
xestora será elixida pola AN da forma prevista no regulamento para a
elección do CN.
- O urxente: a confluencia electoral
Non se trata de mirar polo
BNG. Trátase de mirar polo país e de responder ao que moitos
nacionalistas nos están a demandar: que poñamos o noso grao de area
na construción dunha maioría nacionalista e de esquerda no
Parlamento de Galiza, expulsando do goberno ao PP. Por iso é urxente
confluirmos xunto con outras forzas nunha candidatura unitaria nas
próximas eleccións galegas.
Sabemos que hai contradicións
entre os diferentes proxectos presentes no seo de “En Marea”. A
principal: a que existe entre un proxecto centrado no país,
representado por Anova e a maioría das “mareas” municipais, e
outro deseñado en clave española. Porén, se fomos capaces de
conviver no seo do BNG durante 34 anos, non seremos quen de
acordarmos un programa de mínimos para as próximas eleccións
galegas? Se actualmente gobernamos co PSOE tres das catro Deputacións
provinciais sen conflitos aparentes, acaso non seremos quen de
partillar o goberno galego con forzas coas que, a priori, as
diferenzas son ben menores?
En consecuencia, a xestora
do BNG debe iniciar de imediato conversas con En Marea e cos partidos
e organizacións que dela fan parte con vistas a confluír nunha
candidatura unitaria nas próximas eleccións galegas.
Con todo, e para evitar que
confluencia volva fracasar, cumpre oferecer e esixir probas de
boa-fe. Cumpre, en concreto, abrir unha nova xeira de cooperación
entre o BNG e o espazo das Mareas nas institucións onde un e outras
partillamos representación: nos gobernos municipais, nos gobernos
provinciais e no Parlamento galego. Só deste modo, demostrando na
práctica diaria que o traballo conxunto é posíbel, poderase
construír unha confluencia real a través dunha candidatura
conxunta.
- O imprescindíbel: a refundación do nacionalismo de esquerda
Non debemos confundir os meios
cos fins. Desde hai máis de cento e cincuenta anos moitas xeracións
de galegos e galegas traballaron (traballamos) para construír unha
Galiza soberana, próspera e xusta. Eses seguen a ser os nosos fins
en 2016. Mais non sempre empregaron as mesmas ferramentas políticas,
conscientes de que as organizacións son iso: medios. Nen máis nen
menos. Por valiosos que nalgún momento foran, os modelos
organizativos – partidos, frentes, coaligacións – teñen os seus
propios ciclos vitais. Cumpre recoñecelo sen por iso rachar coa
continuidade histórica do proxecto nacionalista.
Do mesmo xeito que os mozos e
mozas que nos anos sesenta do século pasado refundaron o
nacionalismo galego non optaron por reviver o Partido Galeguista da
II República (sen por iso renegaren da súa herdanza), hoxe debemos
recoñecer que o ciclo político do BNG rematou e, con el, o das
organizacións (Abrente, UPG, MGS) que del fan parte. Que os novos
tempos reclaman de nós novas fórmulas políticas, sen por iso
renegarmos do legado do BNG.
En consecuencia, a xestora
do BNG iniciará de imediato contactos con todas as organizacións
(políticas, sociais, sindicais) e persoas individuais que se
reclamen nacionalistas con vistas a construír unha nova organización
política unitaria e democrática para o nacionalismo de esquerda.